press release only in german

As creacións de Ignacio Pardo (Lugo, 1947) transitaron polos principais escaparates do vídeo español, como os certames de vídeo de Vitoria (1986) e de Cádiz (1987), ambos moi prestixiosos nos anos oitenta. Tras unha aparente pausa na súa produción, reaparece agora no CGAC cunha exposición monográfica comisariada por Cristina Prego. Un tanto alleo á movida galega, Ignacio Pardo sumouse dende 1985 á nómina da videocreación, elixindo traballar con medios humildes e domésticos a fin de acometer a súa obra de xeito esencialmente individual, como corresponde á súa formación e exercicio das artes plásticas, antes que dende os hábitos do traballo en equipo da industria audiovisual. De feito, na súa primeira obra videográfica, Videoviolín (1985), detéctase o influxo do cine feito a man de Norman McLaren. Nunha sociedade dominada polo visual, Ignacio Pardo ve no vídeo un soporte que lle permite lanzar dardos contra a “ortodoxia moral” aceptada, dende a súa mesma linguaxe, descarnando e rachando o fermoso envoltorio que os mass media crearon en torno á realidade, descubrindo os recunchos más sinistros e escuros da existencia humana, como a morte, a vellez, o desexo ou o fracaso humano na procura da eterna felicidade. Firmemente convencido de que a arte só serve se é quen de transformar a realidade e abrir novas portas cara a onde non teriamos consentido endexamais chegar, o traballo de Ignacio Pardo configúrase como unha acción contra o encubrimento, poñendo en evidencia o cruento da existencia ou certos vicios sociais coma a rutina, que deambulan polas súas imaxes como almas en pena. A exposición do CGAC, Senescencia, toma forma en torno a unha serie de instalacións e proxeccións cuxo leitmotiv é o ciclo efémero do ser, do embrión ao tránsito definitivo, compendiando moitos dos temas e símbolos característicos na traxectoria previa de Ignacio Pardo. Con todo, Senescencia non pretende ser unha retrospectiva do traballo do artista e recolle moi poucas de datas anteriores, como Clavos (1986), o primeiro holograma que realizou nun curso no Kiosco Alfonso da Coruña, ou as pezas de vídeo, Tránsito (1988) e Paseantes (2003), que funcionan como fíos condutores da coherencia do traballo do artista e como presentación dunha temática que se seguirá despregando en todos os espazos da planta soto do CGAC. No limiar do percorrido sitúanse as imaxes tremebundas de Tránsito (1988), seguidas despois polo vídeo más recente Paseantes (2003), que lle outorga unha presenza más amable e enredante á osuda encarnación da morte que deambula en forma de esqueleto por unha praia entre bañistas de todas as idades. No corazón da exposición atópase Bosque (2007) que mestura imaxes da natureza cun sutil erotismo e que remite ao vídeo Triángulo (1988), concibido case que vinte anos atrás. Arredor, nas salas contiguas, nas paredes, sobre o chan e en pantallas suspendidas no espazo, tornan unha e outra vez os símbolos e as analoxías sobre os que Ignacio Pardo elaborou a súa obra tan persoal. O noso periplo condúcenos, por último, á peza central que lle dá título á exposición e que sintetiza con acerto as grandes preocupacións que atravesan a obra de Ignacio Pardo. Senescencia (2007) é un díptico en que os corpos nus dunha parella de anciáns nos lembran que cada minuto da nosa vida nos achega un pouco máis á morte.

only in german

Ignacio Pardo
SENESCENCIA
Kurator: Cristina Prego